www.todoliteratura.es

Unha edición en galego de sete textos de Pardo Bazán descobre unha “radical feminista” adiantada ao seu tempo

A Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia presentaron hoxe, día do nacemento da escritora, A educación do home e da muller e outros escritos feministas, unha escolma coa que lle renden homenaxe co gallo do centenario do seu pasamento. O acto tivo lugar na sede da RAG e da Casa-Museo Pardo Bazán, no que foi o fogar coruñés da autora
A educacion do home e da muller
A educacion do home e da muller
“Aspiro, señores, a que recoñezades que a muller ten destino propio; que os seu primeiros deberes naturais son para consigo mesma, non relativos e dependentes da entidade moral da familia que no seu día poderá constituír, ou non constituír”. Emilia Pardo Bazán ( A Coruña, 16 de setembro de 1851- Madrid, 12 de maio de 1921) foi unha adiantada ao seu tempo na defensa do destino propio das mulleres, como acreditan estas liñas incluídas no ensaio A educación do home e da muller. O texto, presentado no Congreso Pedagóxico de 1892, abre o volume de homenaxe publicado pola Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia co gallo do centenario do pasamento da escritora, unha edición que verte ao galego o que é seguramente o ensaio teórico sobre feminismo máis relevante e novidoso da autora, valora Marilar Aleixandre.

A académica, directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, escolmou ademais en A educación do home e da muller e outros escritos feministas sete artigos de prensa que contribúen a dar a coñecer ao público do século XXI a reivindicación activa dos dereitos das mulleres que fixeron de Pardo Bazán unha auténtica “feminista radical”, como ela mesma quixo definirse. A Real Academia Galega, responsable da custodia do seu legado, acolleu esta mañá a presentación do libro cadrando coa celebración do aniversario da escritora, nada na Coruña tal día coma hoxe fai 170 anos. Pouco despois fixaría a súa residencia familiar no actual número 11 da rúa Tabernas da súa Marineda literaria, hoxe sede da RAG e da Casa-Museo Pardo Bazán.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; Marilar Aleixandre e a tradutora Mónica Bar presentaron o volume neste escenario, onde a autora escribiu, entre moitas obras, parte d’A educación do home e da muller, ensaio no que tamén traballou en Meirás, como se infire das cartas á súa amiga e comadre Carmen Miranda, conservadas no arquivo da RAG. Previamente, Miguel Santalices asinou no libro de honra da Real Academia Galega e visitou a Casa-Museo.

O acto arrincou coa condena do último asasinato machista de Galicia, que acabou coa vida dunha veciña da Coruña esta noite. Un novo mullericidio, en palabras da propia Pardo Bazán, que creou este termo para visibilizar e denunciar a violencia machista que segue a matar mulleres un século despois. O presidente da Real Academia participou tras a presentación do libro na concentración de repulsa convocada polo Concello da Coruña na praza de María Pita.

Unha autora moderna e vixente

“Aínda que non escribiu en galego, Emilia Pardo Bazán é unha parte moi relevante da Galicia literaria, igual que Valle Inclán, Wenceslao Fernández Flórez ou, máis próximo aos nosos días, Gonzalo Torrente Ballester, e a Real Academia Galega séntese moi honrada de ser depositaria do legado histórico da escritora”, expresa o presidente da RAG. “A súa obra, tan vencellada a Galicia, adiántase en moitos aspectos a algunhas das grandes cuestións chamadas a mellorar o mundo. Neste libro que agora publicamos recollemos algúns ensaios referentes aos dereitos das mulleres, e facémolo incorporándoos ao patrimonio da lingua galega nunha edición que nos parece especialmente oportuna pola súa significación e pola modernidade dunha das grandes autoras do pensamento libre”, engade Víctor F. Freixanes.

Esta escolma é tamén un xeito de redescubrir, en palabras do presidente do Parlamento, o “perfil absolutamente pioneiro dunha autora que, por fortuna, un século despois do seu falecemento, reaparece con toda a súa dimensión”. Miguel Santalices destacou nesta liña a “condición de visionaria” e a “capacidade de análise fóra do común” da “mellor novelista española do século XIX”.

Voz crítica contra a opresión

O volume presentado hoxe facilita a análise do feminismo de Pardo Bazán facendo oír a súa propia voz. Aínda que a atención á situación das mulleres e mesmo a subversión de roles de xénero é constante nas súas novelas e relatos, a ficción préstase máis á interpretación, sinala Marilar Aleixandre. Pero os seus artigos e ensaios non deixan lugar a dúbidas sobre o pensamento dunha persoa que sempre “exerceu a súa liberdade como muller” cando as propias leis o prohibían. “Pardo Bazán atreveuse a criticar autoridades como Rousseau que, malia as súas ideas avanzadas para a educación dos rapaces, consideraban as mulleres como creadas unicamente para o home; denunciou os asasinatos de mulleres e acuñou o termo mullericidio, opoñéndose ao de crime pasional; e criticou a dobre moral sexual e a negativa a permitir o acceso feminino ao exercicio de traballos ben remunerados e ás academias”, resume a académica.

Marilar Aleixandre incluíu ademais no libro un artigo sobre o primeiro casamento en España entre dúas persoas do mesmo sexo, Elisa e Marcela, que contraeron matrimonio en 1901 na Coruña facéndose pasar unha delas por home. “É notable a ausencia de condena ao comportamento de Elisa. Pardo Bazán interpreta que é unha persoa nacida muller que ansía ser home e dedícalle eloxios á súa destreza e intelixencia”, valora.

Conversa de Pardo Bazán con María Vinyals e congreso internacional

O discurso feminista de Pardo Bazán marcará tamén a proposta escénica que se desenvolverá esta tarde na súa Casa-Museo, na que a autora homenaxeada recibirá a súa amiga —e tamén escritora e destacada defensora da igualdade—, María Vinyals (1875-1940). As actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga serán as encargadas de darlles vida a partir do guión escrito por Mariana Carballal inspirándose nos seus textos feministas e a vida de Pardo Bazán. Haberá dúas representacións, ás 17:00 e ás 19:00 horas. As entradas para ambas as representacións están esgotadas.

As actividades de hoxe insírense no marco da programación da RAG co gallo do centenario do pasamento da homenaxeada, que continuará en outubro co Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. Será cadrando coa chegada á Coruña, dende a Biblioteca Nacional, da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, na que a Academia colabora con máis de setenta pezas pertencentes á biblioteca e o arquivo da Academia, e mais á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

Podes mercar os seus libros en:

¿Te ha parecido interesante esta noticia?    Si (0)    No(0)

+
0 comentarios