LENGUAS COOFICIALES DEL ESTADO

Kathleen March entra na RAG: “Non podemos falar de traducir e internacionalizar a literatura galega sen termos en conta a tecnoloxía”

Kathleen March
José Antonio Sierra | Lunes 25 de septiembre de 2023
Kathleen March (Estado de Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor pasado e os proxectos que segue a desenvolver, a Real Academia Galega recibiuna hoxe no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron no seu día Rosalía e Manoel Antonio, dous autores que marcaron a súa traxectoria. A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, foi a encargada de darlle resposta en nome da corporación.


A nova académica deu lectura na celebración a un resumo do seu discurso de ingreso, titulado Máis alá do manifesto, e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores e autoras galegos de distintos tempos, dende Pondal, Rosalía e Manoel Antonio ata Luz Pozo Garza, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alberto Avendaño, Xohana Torres, Emma Pedreira, Luísa Villalta e Marica Campo. No ensaio, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, a catedrática emérita da Universidade de Maine identifica a promoción da tradución como requisito indispensable para espallar as letras galegas no escenario global, pero advirte que isto non debe cinguirse exclusivamente ao libro en papel nin limitar outros camiños. “Os novos formatos non deben darnos medo ou parecernos inferiores”, sentencia no inspirador ensaio, no que defende o aproveitamento de “varandas” como os libros electrónicos, os audiolibros ou os códigos QR, todos eles outras formas de traducir -considera- para gañar públicos.

Kathleen March fai un chamado a deixar de pensar a tradución como un proxecto abstracto para pasar a considerala “como oportunidade” e apunta que, igual que é necesario apoiar as persoas que escriben ben en galego, é preciso tamén termar daquelas que traducen e da distribución “sistemática e intelixente” das obras vertidas a outros idiomas. “A complexidade da tradución, que é parte da internacionalización da cultura galega, sairía gañando cunha directiva e entidade que se achegase ao tema da comunicación transmediatizada nos nosos días. Un organismo dedicado ao libro, á internacionalización das publicacións en galego, sería realmente ideal”, abunda con respecto á xestión da estratexia.

Neofalante

Reivindícase ademais nestas páxinas como parte da comunidade neofalante e defende esta condición como outra mostra da capacidade do galego de se proxectar mundialmente, e tamén como inspiración para o seu pobo. “Somos espello para que as persoas galegofalantes vexades o que outras persoas adoitamos chamar tesouro”, afirma na pasaxe na que lembra, entre outros, o medievalista David Mackenzie e a escritora norteamericana Anne Marie Morris, que escolleu o galego para debutar como poeta en 1965 con Voz fuxitiva.

Outra escritora angloparlante mencionada no discurso é Annette M. B. Meakin, quen traduciu a Rosalía ao inglés xa no ano 1909. A viaxeira narrou once anos despois na prensa británica o ingreso de Cabanillas na RAG, celebrado no Balneario de Mondariz, naquela altura un auténtico centro de promoción e mecenado da cultura galega da man do seu xerente, Enrique Peinador. Pasada a pandemia, a Real Academia Galega, o Concello de Mondariz-Balneario e a Fundación Mondariz quixeron lembrar a histórica sesión enmarcando o ingreso da investigadora estadounidense nunha xornada conmemorativa que concluíu cun concerto de Amancio Prada.

De Manoel Antonio á anovada lectura de Rosalía de Castro

Kathleen March remata o texto de entrada na Academia cun diagnóstico esperanzador sobre o presente e o futuro das letras galegas. “De case non respirar co peso dun status periférico, o campo literario galego xa vai imparábel cara á internacionalización e irá máis alá aínda”, expresa no discurso cuxo título fai referencia ao manifesto Máis alá (1922), no que Manoel Antonio (canda Álvaro Cebreiro) “deu folgos e horizontes amplos á literatura posterior” coa arela de dotala dun estilo internacional dende o idioma propio.

O poeta rianxeiro foi o primeiro autor galego co que March bateu. Aconteceu a finais dos anos 70, cando era aínda unha estudante de doutoramento. Con formación en sociolingüística e bilingüismo, visitara Galicia por primeira vez en 1975 e regresou en 1978, nun tempo de mudanzas para a lingua e de “estourar cultural público” tras a restauración democrática. O achado produciuse nun piso da rúa da Rosa de Santiago de Compostela cheo de libros, onde os volumes en lingua galega tiñan andel de seu. “Xa pasou un século, mais o manifesto de Manoel Antonio non deixa de ser referente no día de hoxe como afirmación da nova vida para a literatura galega, afirmación de compromiso coa lingua, a cultura, a identidade política da Galiza”, valora.

No mesmo piso compostelán Kathleen March descubriría as Obras completas de Rosalía de Castro, outro feliz encontro que marcaría a súa traxectoria, orientada primeiro cara á literatura latinoamericana e co tempo cada vez máis centrada na galega. “Foi Rosalía, co seu compromiso feminista, quen me decidiu o futuro”, confesa. Visto do outro lado, ela mesma marcou tamén o futuro dos estudos rosalianos. “Kathleen March, coa súa ollada experta non sometida ao peso constrinxente da tradición, ensinounos a ler a Rosalía dun xeito diferente”, enxalza a académica Rosario Álvarez na resposta que lle deu en nome da Real Academia Galega.

Aínda que a autora fundacional das letras galegas contemporáneas non presentara como manifesto ningún dos seus escritos, a estudosa americana non dubidou en sinalar como tales algúns deles. As achegas que presentou no congreso Rosalía de Castro e o seu tempo (1985) contribuirían de forma decisiva á internacionalización da escritora e á superación da visión romántica e rexional da súa obra, a favor dunha nova interpretación que fixo visible o carácter pioneiro do discurso rosaliano dende a perspectiva de xénero.

“Coa descuberta dos manifestos feministas Lieders e Las literatas, a modernidade e o papel que Rosalía merecía ocupar na Weltliteratur ficaron moi evidentes. Que os manifestos non levasen título de selo, como faría Máis alá, non viña ao caso. Que a crítica non lese aínda o limiar de La hija del mar tamén como manifesto a prol da muller e, máis aínda, da muller escritora, non tiña importancia, porque a ollada internacional empurrada polo congreso vía xa o que significaba a imaxe rosaliana das mulleres que pedían migallas no banquete dos que exercían o poder”, comparte March.

Traducir e ir máis alá

O discurso prosegue cunha análise da tradución como ferramenta necesaria para gañar públicos para a literatura galega alén de Galicia e, asemade, para enriquecela. “Traducir non é só un acto lingüístico, é tamén un acto intercultural que favorece as relacións internacionais porque comunica os valores de cada cultura e lingua nas que xorde unha obra. Crea aperturas e oportunidades en lugar de seguir unha literatura nacional na autocontemplación, que podería ser narcisista. O novo público vai ofrecer novas interpretacións, facer novas preguntas, esixir aclaracións”, detalla.

Mais traducir -continúa- non consiste unicamente en levar unha obra dunha lingua a outra, implica tamén levala a outros formatos. Kathleen March avoga así por trasladar, por exemplo, un poema á linguaxe da danza ou do audiovisual, ou unha narración a un cadro, un filme, un podcast, unha canción: “Estes exemplos de multimedia, xa completamente asumidos na sociedade contemporánea, son tamén traducións, e por seren transferencias dun medio a outro, son elementos de transmedia. Cómpre entendermos o desexo contemporáneo de reconfigurar o que realmente significa o acto de traducir, de pasar dun artefacto orixinal a outro, ou sexa, de traducilo dun formato ou plataforma a outros. Non pode haber conversa sobre traducir e internacionalizar a literatura sen termos en conta a tecnoloxía, a plataforma, coa que se vai presentar a literatura ao mundo”.

A académica defende nesta liña o incremento da oferta de audiolibros galegos, unha forma de multimodalidade e texto representado que conecta coa tradición oral da literatura de noso; ou de paratextos en liña para libros en papel a través de códigos QR. Ambas as fórmulas foron ata o momento exploradas por un número moi reducido de autoras e autores como Yolanda Castaño, María Reimóndez, Marta Dacosta, Sara Villar, Nee Barros, Jorge R. Durán, Miriam Reyes, Ánxela Lema ou Rosalía Fernández Rial, lembra.

Mención especial merece na súa exposición o teatro, apenas traducido agás ao castelán. Convencida de que este pode constituír, como a danza, unha forma de expresión “fantástica” para proxectar no exterior a cultura galega, este outono encetará un proxecto que facilitará o acceso de compañías e actores anglofalantes a obras de Álvaro Cunqueiro, Castelao, Luísa Villalta, Roberto Vidal Bolaño, Marica Campo e Marga Doval. “Se pasa da media ducia de obras, vai depender do interese das institucións e da visibilidade e dispoñibilidade das traducións”, advirte.

Co mesmo propósito de facilitar o acceso a títulos galegos noutros idiomas, Kathleen March é a inspiradora e coordinadora científica do proxecto Seara que ampara o Consello da Cultura Galega, unha plataforma en liña para textos literarios galegos en inglés que abranguerá dende Rosalía e Pimentel a contemporáneos como Claudio Rodríguez Fer ou Emma Pedreira. “Os textos traducidos irán co orixinal. Se se chega a ter gravacións, que sería o ideal, teremos un exemplo perfecto de tradución intersemiótica xunto coa multimodalidade que é a versión oral”.

TEMAS RELACIONADOS:


Noticias relacionadas