O Plenario Real Academia Galega tomou por unanimidade o acordo de manifestar a súa satisfacción ante estas medidas, por canto supoñen non só o gaño dun novo ámbito de uso para o noso idioma, especialmente importante polo seu simbolismo e a visibilidade pública que outorga, senón tamén polo que significa de asunción da pluralidade lingüística por parte das institucións do Estado. É de esperar que o paso dado polo Parlamento, que vai na liña de medidas similares aprobadas tempo atrás polo Senado, abra o camiño que outras institucións e administracións públicas de distintos ámbitos -incluíndo a xustiza- deben comezar a transitar. Queda aínda un treito por percorrer ata unha aceptación plena e completa por parte do Estado do carácter constitutivamente plurilingüe e plurinacional dos pobos que conforman a sociedade española, polo que o paso dado polo Parlamento é merecente do aplauso da RAG. A Academia exhorta a todos os deputados e deputadas galegos nas Cortes españolas a que fagan uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria.
Asemade, a Real Academia Galega manifesta a súa esperanza de que as xestións do goberno español ante as institucións da Unión Europea, encamiñadas ao recoñecemento oficial no seu seo do galego e das outras linguas nacionais de España, teñan un resultado positivo. Os avances cara á plena oficialidade do idioma galego en todos os niveis políticos e administrativos non supoñen outra cousa que progresos cara á reparación da inxusta marxinación histórica do noso idioma e a discriminación dos seus falantes. Gañar en recoñecemento e en dereitos é camiñar cara á igualdade.